
-
O primeiro capítulo da produción de La Región Televisión para a canle autonómica, creada por Fernando Tato e dirixida por Simón Casal, estréase hoxe ás 19:30 h no Teatro Principal dentro da nosa sección Fóra de Serie.
Esta mañá acollemos no OUFF · Ourense Film Festival a presentación oficial de Clínica Miranda, a nova aposta de ficción da Televisión de Galicia (TVG) producida por La Región Televisión. O noso director artístico, Óscar Doviso, abriu o acto salientando a relevancia do proxecto e a enorme responsabilidade dun equipo liderado por producións ourensás para levar á gran pantalla unha historia destas dimensións.
O director da serie, Simón Casal, explicou durante a rolda de prensa que a produción é «unha aposta moi ambiciosa que traslada ao espectador á Galicia dos anos 50 e 60 arredor dunha gran clínica médica privada familiar onde se intentan implementar técnicas novidosas», desenvolvendo ao longo de 13 episodios «un intenso arco emocional con historias de amor, ambición e loitas de poder polo control do centro». Casal valorou ademais a liberdade creativa acadada e a estreita colaboración co creador Fernando Tato no propio rodaxe.
Pola súa banda, o actor Luís Iglesia, que interpreta ao cabeza da familia Miranda, destacou o valor dos guións ao sinalar que «nos guións creados por Fernando Tato, Iria Gouzán, Gutín e Ángela non hai personaxes pequenos; todos teñen un xiro e unha reviravolta que non agardas», ademais de reflexionar sobre o contexto histórico lembrando que «naqueles anos 50 e 60 non había Seguridade Social, a sanidade pagábase e existía unha marcada xerarquía e presión do réxime que afectaba ás relacións persoais, familiares e ao papel da muller».
A actriz protagonista Grial Montes (Beatriz Miranda) puxo o foco no proceso de caracterización e vestiario ao afirmar que «as faldas tubo, o peiteado e o vestiario dos anos 50 xa te colocan nunha postura e nun xeito de camiñar e sentarte que constrúen a personaxe antes de pronunciar unha frase». Na mesma liña, o actor David Vilares (Mario) explicou que «máis alá do reto que supuxo a terminoloxía médica e a caracterización física con bigote e peiteado de época, o fundamental foi entender que as emocións humanas como o amor, a dor ou o desamor son universais», mentres que o actor Nacho Nugo (Claudio) eloxiou a factura visual do proxecto ao manifestar que «a época senta moi ben en cámara e o público vai quedar namorado da serie desde o primeiro episodio».







