1 de Outubro de 2026
Xanela_Sesiones Sumergidas
  • Artistas nacionais e internacionais súbense a un barco en distintos rincóns de Galicia para unha actuación musical innovadora e íntima

  • O concepto, ideado polo ourensán David Casas Dorribo, protagoniza a segunda sesión de Xanela, a sección do OUFF para proxectos en desenvolvemento

Unha actuación musical a bordo dun barco e nunha contorna única de Galicia. Esa é a proposta de Sesións Sumergidas, un proxecto audiovisual de David Casas Dorribo xunto ás produtoras Baicrea e Marde Producciones, que hoxe puidemos coñecer a fondo en Xanela, a sección do OUFF · Ourense Film Festival dedicada a proxectos en desenvolvemento.

Nestas sesións, artistas nacionais e internacionais interpretan a súa música desde a auga para un produto audiovisual que se comparte nas redes sociais e que conta con son en directo.

Segundo explicou o seu creador, «a miña idea era crear un concepto un pouco máis visual e promocionar artistas dunha forma diferente á tradicional». De feito, nestas sesións, nas que a cámara se sitúa moi preto dos músicos, David Casas considera que o espectador pode «descubrir do artista algo diferente do que pode percibir nun escenario».

Sesións Sumergidas comezou en 2020 e xa pasou pola ría de Vigo, a de Aldán ou o Ribeiro. Desde entón, o proxecto foi evolucionando para incorporar entrevistas, encontros co público e mesmo degustacións gastronómicas e, deste xeito, afondar non só nesa relación próxima cos músicos, senón tamén na identidade do territorio galego.

Nun futuro próximo, o seu creador espera poder levar as actuacións musicais á Ribeira Sacra, entre outros lugares, e mesmo establecer unha serie de «puntos sumergidos» habituais para darlle continuidade ao proxecto.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.