2 de Outubro de 2026
  • A directora carballiñesa protagonizou a última Xanela deste OUFF

  • O seu primeiro proxecto de longametraxe está actualmente en proceso de financiamento

Hoxe tivemos a última presentación da sección Xanela desta 31 edición do OUFF · Ourense Film Festival. O Ceres 1894 volveu a ser o lugar de encontro para presentar un novo proxecto; neste caso foi a quenda da longametraxe Aquagym. A súa directora Iria Sobrado explicou este proxecto en desenvolvemento que será a súa estrea como directora.

Durante o encontro, presentado pola coordinadora de Xanela, Cristina Pascual, Sobrado explicou os detalles deste proxecto, que supón a súa estrea na dirección dunha longametraxe e que actualmente se atopa en proceso de financiamento.

Aguagym nace da observación cotiá da súa propia directora. A idea xurdiu na piscina universitaria de Santiago, onde Sobrado coincidía habitualmente con mulleres de entre 65 e 70 anos. Os seus encontros nos vestiarios e, especialmente, a observación dos seus corpos e das súas vidas fixeron que a directora vise nelas unha historia que merecía chegar ao cine: «Estas mulleres merecen unha película, aquí hai unha película, e merecen ser as protagonistas», explicou.

A longametraxe céntrase nun grupo de seis mulleres que se reúnen habitualmente para facer aquagym e afonda nos seus universos particulares, nos conflitos cos que lidan cada día e na rede de apoio e complicidade que constrúen entre elas. Sobrado quere poñer o foco nunha xeración de mulleres que, durante boa parte da súa vida, asumiu unha dobre carga: o traballo fóra da casa e, ao mesmo tempo, os coidados e as responsabilidades familiares.

Iria Sobrado definiu Aquagym como «un drama con moita retranca», no que o humor aparece de maneira natural, como parte da propia vida das protagonistas. O proxecto pretende tamén reivindicar os corpos reais destas mulleres e ofrecer unha mirada diferente sobre a súa representación no cine.

Durante a presentación proxectouse un teaser do proxecto, no que xa se pode apreciar o universo visual da película e a relación entre as protagonistas. Actualmente, Aquagym atópase en proceso de financiamento. «Non teño présa por facer esta película», explicou Sobrado, quen recoñece que os tempos de creación dunha longametraxe son longos, pero considera que os períodos de espera tamén permiten que a historia madure.

A presentación da última Xanela desta edición do OUFF serviu así para achegar ao público un proxecto que nace dunha experiencia persoal e dunha vontade clara de contar no cine as historias dunha xeración de mulleres desde unha perspectiva próxima, natural e humana. A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.