2 de Outubro de 2026
OUFF María Aparicio
  • Aparicio presenta no OUFF a súa cuarta película, A veces me entra tristeza, otras veces rebelión, que compite na Sección Oficial Panorama Galicia

  • A cineasta avoga pola defensa colectiva dos nosos dereitos nun filme que fala do traballo, das reaccións humanas e da vida na cidade

María Aparicio, directora de A veces me entra tristeza, otras veces rebelión, que compite na Sección Oficial Panorama Galicia, confesou este venres que «a nosa película non a fixemos pensando en que ía cambiar o mundo, pero humildemente intenta poñer en circulación algunhas preguntas». Esas preguntas falan das condicións laborais, das relacións humanas e da vida na cidade, entre outros temas, e convidan a unir forzas por un ben común.

Como explicou Ana Montes, produtora do filme, que tamén participou no encontro cos medios no Centro Cultural Marcos Valcárcel, «hai que saír a defender os dereitos propios e os dos demais, colectivizar; esa rebeldía é unha invitación a pensar que non só hai que quedar nun sentimento de protesta, porque o mundo está moi cruel, senón tamén atopar formas de ver que está pasando o redor e unirse».

A película, unha produción arxentina con participación galega, chega ao OUFF · Ourense Film Festival despois de colleitar recoñecementos en Venecia e San Sebastián, co premio Giornate degli Autori e unha mención especial dentro da sección Zabaltegi-Tabakalera, respectivamente. É a primeira vez que o equipo participa en certames deste nivel e, en palabras de Aparicio, estes recoñecementos «énchennos de enerxía». En Ourense compite na Sección Oficial Panorama Galicia fronte a outros títulos como Gatillero, Walking Holiday ou Kiro.

Todo empezou cun museo

A veces me entra tristeza, otras veces rebelión é unha película que tomou forma «dun xeito moi espontáneo, cunha estrutura moi pequena, moi independente, case como un grupo de amigos que traballan xuntos», explicou a súa creadora. O proxecto xurdiu hai só un ano, cando, durante unha estadía en Madrid, apareceu a oportunidade de rodar no Museo Reina Sofía. «A posibilidade de poñer unha cámara dentro do museo parecía moi estimulante e moi rápidamente púxenme a escribir; así apareceu esta historia de Vera e Dante».

A película combina ficción con entrevistas reais a traballadores de Madrid e debe o seu título a unha canción que narra a vida dunha persoa que traballa no campo e di así: «… que pode ofrecer un peón que non sexan as súas pobrezas, ás veces éntrame tristura, outras veces rebeldía». María Aparicio explicou que escolleron esa frase porque «parecíanos que esa combinación da tristura e a rebeldía reunía moi ben un sentimento que recoñecemos en nós, neste estado das cousas un pouco complexo no que nos atopamos agora; creo que ás veces gaña máis a tristura ca a rebeldía, a rebeldía está algo adormecida».

María Aparicio vive en Córdoba, a segunda cidade máis poboada da Arxentina, e desde a produtora Vientosur Cine impulsa películas de ficción e documentais de autor. Esta é a segunda vez que participa no OUFF, unha década despois de presentar aquí a súa primeira longametraxe, Las calles.

A 31ª edición del OUFF · Ourense Film Festival celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada con el apoyo de la Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia y La Región.