
-
O filme, que compite na nosa sección Panorama Galicia, ofrece o seu último pase hoxe venres ás 17:00 h no Teatro Principal.
Esta mañá pechamos no OUFF · Ourense Film Festival as presentacións da Sección Oficial Panorama Galicia coa rolda de prensa de Walking Holiday. O acto, presentado polo noso asesor de programación César Silva, contou coa presenza dos seus directores, os irmáns irlandeses Cian e Jack Desmond, e da actriz protagonista Elena Seijo.
O filme explora a historia de dous descoñecidos que non comparten a mesma lingua pero que atopan unha profunda conexión emocional mentres camiñan polas paisaxes galegas. O codirector Cian Desmond explicou como xurdiu o proxecto a partir da súa vinculación persoal coa zona: «Miña muller é española e a súa familia é de Galicia; hai dous anos estabamos no seu pobo e quedei namorado das montañas, do campo e da súa xente». A partir desa viaxe, os irmáns decidiron rodar unha historia intimista cun equipo moi reducido de só tres persoas e orzamento modesto.
Para o papel protagonista, os cineastas contactaron con Elena Seijo a través de páxinas de casting na web e convidárona a sumarse á produción. «Foi unha decisión inmellorable; reunímonos en Galicia durante as localizacións, ela leu o guión e confiou en nós», destacou Desmond, quen ademais reafirmou os lazos culturais entre ambos países: «Sentimos unha gran conexión entre Irlanda e Galicia; para min Galicia é, sen dúbida, a mellor parte de España».
Pola súa banda, Elena Seijo lembrou como este texto a conectou desde a primeira lectura: «Cando lin o guión encantoume porque fala precisamente de como te podes entender con alguén sen compartir o mesmo idioma cando hai algo emocional que te une». A actriz ourensá valorou tamén a calidade humana do equipo e a intensa convivencia nos Ancares durante a gravación: «Estabamos rodando rodeados de natureza e convivindo na mesma casa. Malia ser un equipo pequeno, poucas veces vin tanta profesionalidade, respecto e impecable calidade humana».







