3 de Outubro de 2026
  • A cerimonia estará guionizada e dirixida por Iván Iglesias

  • Poderá seguirse a partir das 20:00 a través de YouTube, AGalega.gal e Telemiño

Esta noite terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense a Gala de Clausura desta 31 edición do OUFF · Ourense Film Festival, un acto que será dirixido pola ourensá Noelia Rey e polo zaragozano Luis Larrodera. Ambos asistiron esta mañá á presentación da gala xunto co tamén ourensán Iván Iglesias, que volverá ser guionista e director da mesma.

Iglesias incidiu en que “o mantra da organización é que estas galas, que moitas veces por definición son tediosas, sexan áxiles e dinámicas. Hoxe ten que ser especial porque damos 15 premios a 15 profesionais do sector audiovisual que ben o merecen, o de Jaime Lorente e a Charo López”. O director da gala tamén comentou que “hai menos espazo na gala de clausura que na inicial para a gracia, para os sketches, pero teremos algún momentiño de pausa, de rir un pouco, tamén de música”.

Pola súa banda, Noelia Rey amosouse moi entusiasmada por volver ao festival da súa cidade natal: “Faime moitísima ilusión estar hoxe aquí porque, ao final, son de Ourense e xogo na casa. Todo o que se faga aquí vai contar sempre co meu apoio”. A comunicadora sinalou tamén que está “completamente encantada de presentar a clausura e estes premios tan importantes”, así como de compartir escenario con Larrodera.

O presentador Luis Larrodera destacou que a invitación para presentar o evento foi “un regalo e unha sorpresa marabillosa”. O zaragozano, moi vinculado a Galicia, salientou a relevancia do festival: “Ourense ten un dos festivais máis veteranos deste país con 31 anos de historia, e está nunha lista de festivais referentes é por méritos propios”. Larrodera cualificou de “impresionante” o palmarés e a calidade dos recoñecidos desta edición e valorou o traballo de guión: “é perfecto, porque traslada a idea de facer algo próximo, simpático, divertido e áxil, onde os verdadeiros protagonistas son os premiados”.

A gala dará comezo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Ourense e poderá seguirse tamén en streaming a través da canle de YouTube do festival, de AGalega.gal e de Telemiño. Ao remate do acto, os asistentes gozarán en primicia do pase da película El mal hijo, a ópera prima do director Jaime Olías, antes da súa estrea comercial nos cines.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.