15 de Outubro de 2026

O certame reuniu a 16.375 participantes nas súas actividades, acadando un fito histórico de 800 espectadores nun só día nas salas e confirmando as datas da 32ª edición: do 24 de setembro ao 3 de outubro de 2027.

Cifras crave da 31ª edición

  • 16.375 asistentes totais: consolidación do crecemento histórico do festival en todas as súas frontes.

  • 800 espectadores nun só día: marca absoluta de afluencia simultánea sumando as salas de cinema de Ponte Vella e o Teatro Principal.

  • Calidade sobresaliente na Sección Oficial: a valoración media superou o 8 sobre 10, cun récord histórico para o Premio do Público (La casa de las mujeres) de 9,37 sobre 10 (4,7/5).

  • Crecemento exponencial: subida do 22% en espectadores na Sección Oficial Internacional, do 104% en Inédito e do 270% no ciclo Agarimo (Billy Wilder).

  • Impacto mediático sen precedentes: máis de 7,4 millóns de impactos en medios e redes sociais, cun valor publicitario equivalente de 98.000 euros.

Dende a organización do OUFF · Ourense Film Festival presentamos o balance oficial da súa 31ª edición nunha rolda de prensa celebrada polo director técnico do festival e director da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez; o programador, Alberto González Araújo; e o director artístico, Óscar Doviso. O certame despídese superando a barreira dos 16.000 asistentes (16.375 participantes), consolidando as cifras récord do ano anterior e confirmando un salto cualitativo sen precedentes tanto na recepción da programación como na proxección exterior da marca Ourense.

O OUFF, motor cultural na provincia e durante todo o ano

O director técnico, Marcos Vázquez, abriu o balance lembrando a filosofía coa que botou a andar esta edición: «Arrancabamos o festival en Vilamarín cunha frase de Billy Wilder que dicía que el só fixo as películas que quería ver». Segundo Vázquez, esa mesma paixón é a que guía ao equipo do certame: «A ilusión coa que se fai, a máxima profesionalidade, o máximo corazón e, sobre todo, o trato para facer do cinema non só unha celebración, senón proxectar Ourense fóra das nosas fronteiras, atraer á xente e conseguir que o cinema sexa do público». O responsable técnico amosou o seu agradecemento á Deputación de Ourense, á Xunta de Galicia —Consellería de Cultura, Agadic, Turismo de Galicia e Galicia Calidade—, aos patrocinadores privados, colaboradores, persoal técnico e persoas voluntarias.

Vázquez subliñou ademais a folla de ruta para desestacionalizar o certame: «O festival de cine non pode limitarse á súa semana oficial». Neste sentido, destacou as iniciativas xa desenvolvidas fóra das datas centrais na universidade, nas vilas, en librarías ou en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual arredor dos Premios Mestre Mateo, avanzando que «o obxectivo para a vindeira edición é programar aínda moitas máis actividades ao longo de todo o ano» por toda a xeografía ourensá.

Respaldo masivo ás Seccións Oficiais e crecemento nas salas

O programador Alberto González Araújo detallou a resposta á carteleira: «Se na presentación estabamos moi contentos porque sabiamos a calidade do que tiñamos, agora estamos aínda máis satisfeitos ao constatar o ben que funcionaron todas as seccións e a resposta do público». A reorganización loxística de espazos traduciuse nun incremento do 22% de espectadores na Sección Oficial Internacional e nunha subida da nota media do público, que pasou do 7,6 de 2025 a máis dun 8 sobre 10. A fita histórica marcouna a gañadora do Premio do Público, La casa de las mujeres, cun 9,37 sobre 10 (4,7/5).

As seccións paralelas rexistraron crecementos moi notables: Inédito subiu un 104% e o ciclo Agarimo medrou un 270%, situándose como a cuarta sección máis concorrida de todo o festival. González Araújo salientou o récord de 800 espectadores nun só día entre os cinemas de Ponte Vella e o Teatro Principal, así como a entrega do público en Panorama Galicia con títulos como Guerrillero ou KIRO, «onde a xente remataba en pé e cantando durante os créditos pase tras pase». O programador puxo tamén en valor a presenza de cinéfilos que viaxaron expresamente a Ourense, espectadores que chegaron a ver máis de 16 películas en cinco días, a estrea estatal do último traballo de Asghar Farhadi e a recuperación dunha peza inédita de Federico Fellini 33 anos despois do seu pasamento.

González Araújo remarcou igualmente a capacidade do festival para reunir figuras internacionais de primeiro nivel: «Foi moi significativo ver na clausura a actrices de traxectorias tan diversas como Jessica Reynolds —que chegou a Ourense a recoller o seu premio só 14 horas despois de rodar en Londres con Charlotte Rampling—, Charo López ou Federica Sabattini dándose a man, amosando a forza do festival para propiciar o encontro de referentes de distintas cinematografías».

Un festival aberto a novos públicos e con forte pegada social

Pola súa parte, o director artístico Óscar Doviso salientou que esta 31ª edición supuxo «un paso máis cara a un festival de referencia en Galicia e en España, visibilizando tanto a interpretación como a dirección e a produción». Doviso celebrou a presenza de figuras sobranceiras como Javier Gutiérrez, José Manuel Lorenzo, Uxía Blanco, Jaime Lorente ou Charo López, conectando distintas xeracións do noso audiovisual.

A estratexia de diversificación de formatos atraeu a novos colectivos: a exposición Terra do Anel funcionou como porta de entrada cara ás salas para moitos mozos e familias, rexistrándose tamén un cheo absoluto en actividades de rúa como a sesión vermú con Mambas Negras na Praza de Santa Eufemia, a sesión familiar Lembra Xabarín ou o ciclo Anímate ao cine. A nivel provincial, a actuación da OUFF Film Symphony en Verín esgotou localidades, unha iniciativa que, segundo adiantou Doviso, «o vindeiro ano levaremos a outra localidade para que a música de cine continúe xirando pola provincia».

Repercusión estatal en televisión e redes

O impacto exterior acadou dimensións históricas ao superar os 7,4 millóns de impactos (2,79 millóns en canles propias e 4,63 millóns en medios de comunicación), cun valor publicitario equivalente de 98.000 euros. A complicidade dos convidados resultou decisiva: a visita de Maxi Iglesias ao festival e a súa posterior mención en El Hormiguero (1,5 millóns de espectadores en prime time), unida á cobertura en Antena 3 Noticias da estrea de Las hijas de la criada (1,9 millóns de espectadores), impulsaron o interese polo certame a escala nacional.

Citas de futuro

A organización confirmou que a 32ª edición do OUFF celebrarase do venres 24 de setembro ao domingo 3 de outubro de 2027. Así mesmo, lembrou que a exposición Terra do Anel permanecerá aberta no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o vindeiro 1 de novembro.