21 de Outubro de 2026
Recadación solidaria do concerto de Verín
  • A dirección do OUFF fixo entrega do cheque co diñeiro obtido a cinco asociacións benéficas

  • Na cita, a Xove Orquestra Ourensanía rendeu tributo á banda sonora composta por Howard Shore para a triloxía de El señor de los anillos

O concerto da OUFF Film Symphony no Auditorio de Verín o pasado 3 de outubro, celebrado no marco do OUFF · Ourense Film Festival, recadou un total de 3.430 euros, que se repartiron a partes iguais entre a Asociación Española Contra o Cancro, Cruz Vermella, CDR Portas Abertas, Cáritas e FEMURO. Cada unha delas recibiu 686 euros grazas a esta iniciativa solidaria que une música e cine e que foi un dos grandes éxitos de público da 31ª edición do OUFF. O director artístico do festival, Óscar Doviso, e o director técnico, Marcos Vázquez, entregaron este mércores en Verín o cheque correspondente aos representantes das asociacións.

A Orquestra e Coro Ourensanía foi a encargada de interpretar en directo os temas principais da triloxía de El señor de los anillos, compostos por Howard Shore, nun concerto que tamén contou con lecturas dramatizadas e combates escenificados entre orcos, elfos e humanos. En palabras de José Luis Tielas, director do conxunto, «tivemos cheo absoluto e a xente quedou moi emocionada». «É fundamental para nós participar no festival, xa que nos da unha proxección moi grande á orquestra», engadiu.

O concerto solidario de Verín, para o que se solicitaba unha achega solidaria de 10 euros, foi a segunda das dúas citas da OUFF Film Symphony nesta edición do OUFF. A primeira, celebrada no Auditorio Municipal de Ourense, tamén tivo unha grande acollida por parte do público.

A Xove Orquestra Ourensanía, dá un paso adiante ao incorporar un coro nesta cuarta colaboración co OUFF. O ano pasado, con motivo da 30ª edición do festival, ofreceu un concerto tributo ao compositor cinematográfico Hans Zimmer (Origen, Interstellar, Piratas del Caribe). Nesta ocasión, o elixido foi Howard Shore, como parte da homenaxe que o OUFF quixo render á triloxía de El señor de los anillos co gaio do 25º aniversario da súa estrea nos cines. Esta homenaxe complétase coa exposición Terra do anel, que pode visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 1 de novembro.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrouse do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.