
O cambio de logo, obra de Blau Estudio de Miguelanxo Carvalho, define unha nova identidade para esta edición especial do festival de cine
Óscar Doviso, na dirección artística, e Marcos Vázquez, na dirección técnica, encabezan a nova xerencia do festival, na que continúa César Silva, como asesor de programación
O OUFF · Ourense Film Festival chega neste 2025 a súa 30 edición e faino con importantes novidades. A primeira, o seu novo logo, un deseño cunha transformación total, que busca reflectir a esencia do festival como un evento cultural dinámico que interactúa con diversas formas de arte, desde a música e a fotografía ata as exposicións e outras expresións artísticas.
O logotipo, deseñado por Blau Estudio de Miguelanxo Carvalho, vaise cara outras tonalidades buscando ser recoñecible cunha única ollada e apostando polas liñas doutros festivais de cinema. Destaca a súa funcionalidade e, especialmente, a claridade visual deste novo elemento. Transmítese unha sensación de movemento e enerxía, dúas características que queren servir como definición a esta nova etapa do festival.

De esquerda a dereita: Sonia Torre, Candela López, César Silva, Marcos Vázquez, Óscar Doviso
O novo deseño pon en valor a cinematografía de cada provincia galega, representadas por cada unha das 4 pantallas que conforman o novo logotipo e todas elas, unidas polo OUFF. A pantalla e o fotograma serven de punto de partida a esta renovada identidade, un fío condutor que nos relaciona de forma directa con todo o mundo do cinema.
Unha das súas principais calidades é a súa pregnancia, é dicir, a capacidade de captar a atención do espectador a través da súa simplicidade e equilibrio. Isto permitirá que o OUFF consolide como marca visualmente potente, capaz de permanecer na memoria do público e fortalecer a súa presenza no ámbito cinematográfico.
A renovada directiva aposta por abrir novos camiños
Nesta trixésima edición, o OUFF embárcase nun novo reto para un aniversario especial, onde ademais de renovar a imaxe presenta nova organización. Á cabeza do equipo atópanse Óscar Doviso, na dirección artística, director, produtor e guionista, ademais de director do Festival Rir de Allariz; César Silva, que segue un ano máis como asesor de programación; e Marcos Vázquez, actual director de Cultura e Deporte da Deputación de Ourense e que está moi vencellado ao mundo artístico, na dirección técnica.

De esquerda a dereita: César Silva, Marcos Vázquez, Óscar Doviso
A renovada directiva exponse, sen dúbida, a un reto que asumen con ilusión, respecto e profesionalidade, para seguir tecendo este camiño de grandes éxitos xa que “ninguén somos perfectos e todos somos o festival”. Rodeados dun equipo totalmente implicado, realizan unha firme aposta nesta 30 edición para que o festival, que é, sen dúbida, unha cita de referencia no sector, abra agora novos camiños e “para que este OUFF chegue tamén ás novas xeracións. Esta edición será unha gran posta de longo, estamos cargados de enerxía e, sobre todo, de amor ao cine e ao festival”.
Para iso, apostarase por unha linguaxe dinámica nas comunicacións do festival ao que se lle sumará unha programación máis diversa, que integre diferentes expresións artísticas, asegurando que cada espectador atope o seu espazo dentro do evento.
Unha proposta que seguirá incluindo música e exposicións para reforzar o carácter multidisciplinario do festival. Con estas apostas e con moita ilusión, reafírmase a vontade do OUFF de seguir crecendo, innovando e consolidándose como o evento de referencia no panorama cinematográfico de Galicia.







