
-
- O festival dispoñerá dun punto violeta para a prevención da violencia e a promoción dunha contorna segura
- Por outra banda, o certame avanza na súa programación coa proxección dun ciclo dedicado ao cinema arxentino recente
O OUFF · Ourense Film Festival contará na súa 30ª edición cun protocolo de actuación cuxo principal obxectivo é asegurar que todas as persoas vinculadas ao festival, así como o público asistente, poidan desenvolver as súas actividades nunha contorna libre de calquera tipo de violencia, acoso, discriminación ou trato vexatorio, xa sexa de carácter físico, verbal, psicolóxico ou sexual. Este protocolo, implementado nos grandes festivais de cinema do mundo, como Cannes, Berlín, Lima ou a India, desenvolveuse pola directiva do OUFF da man de Candela López, responsable da Área de Contorna Segura do festival, e é unha iniciativa que «nace da convicción de que a cultura debe de ser un lugar de encontro libre de violencia onde todas as persoas poidan participar sen medo e con plena liberdade».

Tal e como sinala López, «a implementación deste protocolo representa un compromiso firme coa diversidade, a equidade e o benestar do público, das persoas convidadas e do persoal técnico. Promover unha contorna segura non só responde a unha necesidade ética e social, se non que tamén contribúe a enriquecer a experiencia cultural facilitando a participación plena e o diálogo aberto en todas as actividades do festival».
Así, o certame dispoñerá dun punto violeta, que será unha ferramenta clave para a atención, o acompañamento e a intervención inmediata ante situacións de acoso, agresión ou discriminación. Desta maneira, permitirá activar, sempre que sexa necesario, os mecanismos previstos no protocolo de actuación e sensibilizar á cidadanía e persoas participantes sobre a importancia de previr e actuar ante calquera forma de violencia ou desigualdade. Estará situado nun lugar estratéxico do festival, visible e claramente sinalizado, e será anunciado na programación oficial, materiais informativos e redes sociais do festival para garantir o seu coñecemento por parte de todos os asistentes.
Con este protocolo, o OUFF reafirma o seu propósito de converterse nun espazo que vai máis aló dun punto de encontro cinematográfico, situándose tamén como un referente no compromiso cos dereitos humanos, a xustiza social e a convivencia pacífica.







