10 de Xuño de 2025
  • Durante a residencia, os equipos participantes terán que rodar e montar unha peza audiovisual en só 5 días
  • Ampliado o prazo de inscrición ata o 7 de setembro

Faíscas será a nova residencia audiovisual do OUFF, un concurso para menores de 30 anos no que varios equipos convivirán en Ourense durante 5 días mentres rodan e montan unha peza audiovisual ambientada na cidade e os seus arredores. Con esta iniciativa, a dirección do festival busca “incentivar a creación audiovisual mediante unha convivencia por equipos, fomentando a colaboración e sinerxias entre os participantes, facendo que esas faíscas creativas se espallen e podamos desfrutar no futuro de proxectos máis grandes e ambiciosos destes creadores que pasaron pola residencia do OUFF.”

En Faíscas poderán participar equipos de ata 5 persoas, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. O prazo de presentación de proxectos finaliza o 7 de setembro. Os equipos que sexan seleccionados acudirán a Ourense a semana do festival, do luns 19 de setembro ao 3 de outubro. Durante ese tempo deberán gravar e montar a súa peza, que poderá ser de ficción, documental ou reportaxe, en galego e cunha duración inferior a 15 minutos.

A particularidade deste concurso é que todos os equipos convivirán durante eses cinco días en Grelo Hostel, un aloxamento designado polo festival, onde compartirán habitación e comidas. Así mesmo, terán unha titoría diaria cun profesional do sector, e contarán nas rodaxes coa supervisión dunha persoa designada pola organización.

Por outra banda, as pezas que se creen durante Faíscas competirán por un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300. O xurado valorará, entre outros aspectos, a representación dos valores arquitectónicos, sociais, históricos, artísticos, etnográficos ou naturais da cidade de Ourense e os seus arredores.

A residencia audiovisual de Faíscas é unha das grandes novidades que trae a 30 edición do OUFF · Ourense Film Festival, que se celebrará do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.

Bases completas en https://ouffestival.gal/gl/bases-faiscas/