11 de Setembro de 2025
Daniel Guzmán
  • O presidente da Deputación, Luis Menor, foi o encargado de anunciar o premio no acto oficial de presentación do festival no Balneario de Laias
  • Daniel Guzmán é un referente imprescindíbel do cinema español actual

O actor, guionista e director Daniel Guzmán (Madrid, 1972) recibirá a Calpurnia de Honra da 30ª edición do OUFF · Ourense Film Festival. Así o anunciou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, durante a presentación oficial do festival no Balneario de Laias, nun encontro que reuniu a destacadas autoridades autonómicas e provinciais. Guzmán, a quen Menor destacou como «referente do cine social en España», conta cunha larga traxectoria en cine e televisión e é gañador de dous premios Goya.

Traxectoria

Daniel Guzmán é unha das voces máis recoñecíbeis do cinema español contemporáneo, tanto polo seu traballo como intérprete como pola súa consolidada traxectoria como director e guionista.

Comeza a súa carreira como actor con catorce anos no teatro e na televisión, e axiña deu o salto ao cinema con títulos como Éxtasis, de Mariano Barroso, ou Barrio, de Fernando León de Aranoa, confirmando a súa capacidade para encarnar personaxes marcados pola intensidade e a veracidade. Ao longo da súa carreira como actor traballou en películas como Hola, ¿estás sola?, Rewind ou A golpes, así como en series de grande repercusión popular, aínda que sempre mantendo unha clara vocación de vincularse a proxectos cun forte compoñente social e humano.

A súa evolución natural levouno á dirección. En 2003 asinou a curtametraxe Sueños, coa que obtivo o Premio Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción, a Espiga de Ouro na SEMINCI e o Premio do Público no Festival de Málaga. Este debut marcou o inicio dunha etapa creativa na que volcou a súa propia experiencia vital e a súa ollada cara á realidade da rúa e das marxes urbanas.

En 2015 presentou a súa primeira longametraxe, A cambio de nada, relato de iniciación con claros tintes autobiográficos que o situou de inmediato entre os cineastas máis prometedores da súa xeración. O filme recibiu a Biznaga de Ouro no Festival de Málaga, así como dous Premios Goya (Mellor Director Novel e Mellor Actor Revelación) e seis nomeamentos, ademais de múltiples recoñecementos da crítica e do público.

A súa segunda obra, Canallas (2022), afondou na hibridación de realidade e ficción, apostando por unha comedia dramática que consolidou o seu estilo persoal. Tras a súa participación na Sección Oficial do Festival de Málaga, obtivo unha gran acollida do público e da crítica especializada.

En 2025 inaugurou o Festival de Málaga con La deuda, unha historia urbana centrada nun home e nunha anciá ao bordo do desafiuzamento. Con este filme, Guzmán reforza o seu compromiso cun cinema que reflicte a precariedade, a amizade e a dignidade da clase traballadora, sempre desde unha perspectiva profundamente humana e comprometida.

Ao longo da súa traxectoria, Daniel Guzmán conseguiu conxugar a autenticidade das súas orixes cun talento narrativo que o converte nun referente imprescindíbel do cinema español actual.