
-
O Balneario de Laias acolleu a presentación oficial do OUFF · Ourense Film Festival, nun acto que contou con numerosas personalidades da política e sociedade galegas
-
Óscar Doviso, director artístico do festival, anunciou o xurado desta edición e presentou o libro editado polo 30º aniversario del OUFF
O OUFF · Ourense Film Festival viviu a súa posta de longo no Balneario de Laias, nun encontro que reuniu a destacadas autoridades autonómicas e provinciais, e que tamén serviu para anunciar máis novidades, como a Calpurnia de Honra para o actor e cineasta Daniel Guzmán.
Durante o acto interviñeron o director artístico do festival, Óscar Doviso; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles; e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen coincidiron en salientar a relevancia do OUFF como referente cultural e escaparate internacional do cinema. A cita en Laias marca o inicio dunha edición especialmente simbólica, que celebra tres décadas de compromiso co cine e coa promoción cultural da provincia.
30 anos nun libro
No transcurso do seu discurso, Doviso presentou o libro conmemorativo da 30ª edición, unha obra da xornalista Sonia Torre Delgado que recolle, cunha mirada panorámica e emotiva, algúns dos momentos máis significativos vividos ao longo destas tres décadas. O volume non pretende ser unha enciclopedia exhaustiva, senón un exercicio de memoria que reivindica o papel do certame como espazo de encontro, formación e homenaxe ao cinema galego, nacional e internacional, porque o Festival de Ourense é moito máis ca unha semana de proxeccións: é historia viva, industria e cultura compartida.
O director do OUFF · Ourense Film Festival tamén quixo expresar o seu máis sincero agradecemento a todas as institucións, organismos, entidades e empresas que fan posible esta edición. En primeira instancia pola súa implicación e apoio á Deputación de Ourense, patrocinador principal. Recoñecemento especial á Xunta de Galicia, á Axencia Galega das Industrias Culturais, a Turismo de Galicia e a Galicia Calidade, cuxo apoio institucional reforza a proxección cultural, turística e a calidade do festival. «Grazas tamén ás empresas que percorreron co OUFF este camiño, acompañándoo e contribuíndo de maneira decisiva ao desenvolvemento deste proxecto: Hijos de Rivera, ABANCA, Gadis e a Fundación AISGE. Fundamental tamén o traballo e compromiso dos nosos media partners Televisión de Galicia e La Región». sinalaba Doviso.
Do mesmo xeito, quixo destacar a colaboración das empresas e marcas referentes da nosa terra, que achegan a súa visión e o seu respaldo para engrandecer aínda máis o festival: «A todos eles, o noso recoñecemento e gratitude por compartir a convicción de que o cinema é un motor de encontro, de creatividade e de futuro para Ourense e para Galicia».
17 profesonais no xurado
Ademais, Doviso anunciou os membros do xurado da Sección Oficial Internacional, Sección Oficial Panorama Galicia, Sección Oficial Curtametraxes, AISGE e CIMA. «Para esta edición xuntamos a 17 profesionais dende diferentes eidos do audiovisual para conformar un xurado á altura da sección oficial, un xurado que estou seguro do seu compromiso co festival, que seguro acertará nas súas decisións e que descubriremos na gala de clausura», comentou.
O festival de cine por excelencia de Galicia
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor, definiu o OUFF como «o festival de cine por excelencia de Galicia» e reafirmou o compromiso da institución provincial co futuro do gran evento do audiovisual, asegurando que «se é necesario, a Deputación seguirá cubrindo os desertos culturais da cidade».
Menor puxo en valor o «gran retorno económico» do OUFF, xa que «significa moito máis que unha semana de cine», que se traduce en «visitantes que deixan pegada nos comercios, na hostelería, na provincia». Ademais, felicitou ao novo equipo do OUFF polo «respecto e profesionalidade» por este evento que, dixo Menor, «beneficia a toda a provincia e fainos sentir orgullosos dunha identidade propia».
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Entre as moitas novidades para esta edición, destacan a residencia audiovisual para creadores mozos Faíscas, a composición dun tema musical propioa cargo de Jose Manuel Cancela, novas seccións como Xeración OUFF ou Agarimo, ou o redeseño da Calpurnia polo escultor Manuel Buciños.
O festival non sería posible sen o compromiso dos patrocinadores, que, grazas a súa colaboración, achegan o mellor do cine internacional e galego ao público ourensano nunha cita que será máis especial ca nunca.







