
- No recital OUFF Film Symphony, que terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense o domingo 28, poderá escoitarse por primeira vez o tema musical do festival
- Hans Zimmer é compositor de bandas sonoras tan recoñecibles coma as de Gladiator, Piratas del Caribe ou Origen
O OUFF · Ourense Film Festival acollerá un concerto tributo ao compositor Hans Zimmer a cargo da Xove Orquestra Ourensanía, onde o público poderá desfrutar en directo dalgunas das bandas sonoras máis icónicas das últimas décadas, ademais do OUFF Theme, o novo tema musical propio do festival, composto por José Manuel Cancela. De acordo co director musical da Xove Orquestra Ourensanía, José Luis Tielas, o concerto non só rende homenaxe a un dos grandes compositores da historia do cinema, “senón que tamén proclama a vocación do OUFF de crecer, innovar e crear vínculos entre disciplinas artísticas, reforzando así o papel da cidade como punto de encontro internacional para a cultura e o cine”.

Hans Zimmer (Alemaña, 1957) compuxo algúns dos temas máis icónicos do cine das últimas décadas, coma a música de Gladiator, Piratas del Caribe, Origen ou Interstellar. Gañador de dous Oscar, é considerado un revolucionario da banda sonora moderna por fusionar a orquestra sinfónica con electrónica e ritmos innovadores.
Agora, será a Xove Orquestra Ourensanía a que, baixo a dirección de José Luis Tielas, interprete algunas das súas creacións más recoñecibles, nun amplo repertorio que ten como peza destacada o tema musical propio do festival, OUFF Theme. Composto por José Manuel Cancela, creouse para celebrar os 30 anos do certamen e poderá escoitarse completo por primeira vez nesta cita. O recital será amenizado con proxeccións audiovisuais, convertendo o concerto nunha experiencia cinematográfica en directo. OUFF Film Symphony: Hans Zimmer Tribute terá lugar o domingo 28 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense, a partir das 12 da mañá. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.
A música vai ser un elemento importante na 30ª edición do OUFF · Ourense Film Festival, que se celebrará do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.







