19 de Setembro de 2025
  • José Manuel Cancela e Charo Pena recollerán na gala inaugural os premios Chano Piñeiro e AISGE respectivamente
  • O galardón á Mellor Ópera Prima española será para a directora Avelina Prat

A 30ª edición do OUFF · Ourense Film Festival énchese de recoñecementos a figuras clave do audiovisual con tres premios que reflicten talento, traxectoria e visión creativa. Ademais do xa anunciado recoñecemento a Daniel Guzmán coa Calpurnia de Honra, o certame entregará o Premio Chano Piñeiro, o Premio Honorífico AISGE e o galardón á Mellor Ópera Prima española.

O Premio Chano Piñeiro, creado en 2021 para destacar a figuras de Galicia vencelladas co audiovisual, será concedido a José Manuel Cancela, compositor de cine e televisión con cinco premios Emmy no seu haber, afincado en Los Ángeles pero que mantén un estreito vínculo con Galicia. Cancela traballou con artistas como Celia Cruz, Jennifer López, Marc Anthony e U2, e compuxo para producións como Creed, Focus, Ray Donovan ou The Last Narc. Para celebrar os 30 anos do festival, acaba de crear o OUFF Theme, que se estreará no concerto OUFF Film Symphony: Hans Zimmer Tribute o vindeiro domingo 28 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense.

Pola súa banda, a Fundación AISGE concede este ano o seu Premio Honorífico a Charo Pena, actriz e directora de dobraxe que deu voz a lendas como Meryl Streep, Jane Fonda ou Susan Sarandon. Por mor dunha serie de casualidades, inicia a súa carreira como actriz e directora de dobraxe, descubrindo unha vía para expresar a súa paixón polo cine e pola interpretación. Pena dirixiu a dobraxe de películas icónicas como Amadeus, A lista de Schindler, Harry Potter ou Puñais pola espalda, e dedicou décadas á docencia e á formación de actores no ámbito da dobraxe e da interpretación.

O festival tamén entregará o Premio á Mellor Ópera Prima española a Avelina Prat, arquitecta reconvertida en cineasta, pola súa película Una quinta portuguesa. Tras unha sólida carreira como supervisora de guións xunto a directores como Fernando Trueba ou Cesc Gay, Prat brillou co seu debut Vasil (2022), premiado na SEMINCI e nos Premis Berlanga. O seu segundo filme, inspirado nunha historia real sobre identidade e migración, foi galardoado coa Biznaga de Oro no Festival de Málaga e nomeado no BAFICI, ademais de ser inscrito para representar a España nos Premios Oscar. Avelina Prat recibirá o galardón na proxección de Una quinta portuguesa no marco do OUFF, o mércores día 1 no Teatro Principal.

O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. No programa de actividades paralelas, tamén descatan a exposición Making Movies e os roteiros que percorren localizacións na provincia de películas e series de televisión.

Aquí tedes máis información sobre as persoas premiadas.