
- Charo Pena: “este premio é unha homenaxe para toda a xente que estivo e está loitando polo audiovisual en galego de calidade”
- José Manuel Cancela: “tiña o obxectivo de crear unha peza que fora identiticable e que nos levara á música de cine. Que fora algo recordable e creara emocións”
Esta mañá tiveron lugar as primeiras roldas de prensa no marco da 30ª edición do OUFF · Ourense Film Festival, que esta noite celebra a súa gala inaugural no Auditorio Municipal. Os encontros serviron para presentar os galardóns que se entregarán durante o acto, recoñecendo a traxectoria de dúas figuras destacadas do audiovisual.
A primeira intervención foi a da actriz e directora de dobraxe Charo Pena, que recibirá o Premio Honorífico de AISGE, concedido pola Fundación AISGE. Estivo acompañada por Óscar Doviso, director artístico do OUFF, que explicou que “é unha voz mitiquísima, que todo o mundo escoitou na súa casa na TVG”, e por Isabel Blanco, delegada en Galicia de AISGE.
Blanco afirmou que tanto para ela como para AISGE é unha honra “ter colaborado co OUFF máis de 20 anos e ter visibilizado traxectorias que sempre estiveron aí, pero que non tiveron o lugar que lle corresponde na cultura”. Despois puxo o exemplo de Charo Pena que leva “40 anos nunha excepcional labor tanto de dobraxe como polo uso e promoción do galego”.
Charo Pena mostrouse agradecida por este recoñecemento e, ademais de felicitar ó festival polo seu 30 aniversario quixo destacar que “este recoñecemento e tamén para os meus compañeiros de dobraxe. Levamos 40 anos loitando e este premio é unha homenaxe para toda a xente que estivo e está loitando polo audiovisual en galego de calidade”. Neste punto quixo recalcacar que “se hai futuro para o idioma, habéra futuro para a dobraxe. Non teremos perdón como sociedade se deixamos que o galego morra”.
Cunha carreira iniciada por unha serie de casualidades, atopou na dobraxe unha vía para expresar a súa paixón polo cine e pola interpretación. Ao longo das décadas, deu voz a lendas como Meryl Streep, Jane Fonda ou Susan Sarandon, e dirixiu o dobraxe de filmes icónicos como Amadeus, A lista de Schindler, Harry Potter ou Puñais pola espalda. Ademais, dedicou boa parte da súa vida á docencia, formando xeracións de profesionais no ámbito da dobraxe e da interpretación. Toda unha carreira como dobradora que indicou que “é moi bonita, pero tamén moi sacrificada”.
Jose Manuel Cancela agradeceu o Premio Chano Piñeiro
A continuación, foi a quenda do compositor José Manuel Cancela, que esta noite recollerá o Premio Chano Piñeiro. Este galardón, creado no 2021, busca destacar a figuras galegas cunha traxectoria relevante no mundo audiovisual. O director do OUFF, Óscar Doviso, destacou “o gran privilexio que supón para o festival contar con el hoxe aquí e que nos fixera o noso tema”.

É e que para conmemorar os 30 anos do OUFF, Cancela acaba de crear o OUFF Theme, unha peza musical que se estreará este domingo 28 de setembro no concerto OUFF Film Symphony: Hans Zimmer Tribute, que terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense. Sobre esta creación afirmou que “para min foi un orgullo que mo encargaran. Tiña o obxectivo de crear unha peza que fora identiticable e que nos levara á música de cine. Que fora algo recordable e creara emocións, como cando viamos as películas de nenos”.
Compositor de cine e televisión, conta con cinco premios Emmy e traballou con artistas como Celia Cruz, Jennifer López, Marc Anthony ou U2. As súas composicións acompañaron producións como Creed, Focus, Ray Donovan ou The Last Narc. Cancela, afincado en Los Ángeles pero cun forte vínculo con Galicia, explicou que a canción leva “un toque da terriña” que soe usar nas súas composicións e que lle serve para “recordar as miñas raíces”. Tamén quixo destacar o remix deste OUFF Theme, feito polo productor e DJ ourensán John Axiom, xa que “é excepcional. Conseguiu facer unha peza bailable”.







