
-
A produción partiu dunha proposta da Televisión de Galicia para poñer en valor a diversidade lingüística
-
A presentación integrouse en Xanela, a nova sección do Ourense Film Festival para dar visibilidade a proxectos en fase de desenvolvemento
Pensión incompleta será a primeira serie que se rodará nas catro linguas oficias do Estado: galego, catalán, éuscaro e castelán. A ficción, unha coprodución das televisións autonómicas Televisión de Galicia, EITB e 3Cat, foi presentada esta mañá en Xanela, a nova sección do OUFF · Ourense Film Festival que busca dar visibilidade a proxectos en fase de desenvolvemento.
Pensión incompleta, que comezou a súa rodaxe este mércores en Barcelona, xurdiu dunha proposta da TVG para «poñer en valor a diversidade lingüística deste país e dos nosos territorios», comentou Montse Besada, Xefa de Contidos da TVG. De feito, a serie percorrerá distintas localizacións de Cataluña, Euskadi e Galicia. A Ribeira Sacra e San Andrés de Teixido, por exemplo, figurarán entre eles.
Comedia na que se fala como na vida mesma
A ficción é unha comedia de 6 capítulos que segue a un grupo de xubilados de excursión entre os que se esconde un ladrón ou ladroa, que sempre que rouba algunha cousa deixa unha paxariña como firma. En palabras de Fernanda Tabarés, da produtora Voz Audiovisual, responsable de dar vida ao proxecto, «ten ese ADN que é a diversidade, que convivamos tanto o equipo artístico como o equipo técnico das tres nacionalidades, que cada un fale o seu idioma propio, pero que despois haxa un idioma común que é o castelan. Como a vida mesma, como transcurre na nosa convivencia». Para Tabarés, ademais, este é un bo momento para dar vida a un proxecto deste tipo, porque a audiencia xa está madura para desfrutar dunha serie en catro linguas diferentes.
A serie conta, ademais, cun casting coral no que figuran os intérpretes Ane Gabarain, Joseba Paolaza, Luis Iglesia, María Costas e Manuel San Martín, entre outros. O proxecto ten a súa estrea prevista para o vindeiro ano, de forma conxunta nas tres televisiones implicadas, e verase en versión orixinal.
Pensión incompleta é o primeiro proxecto da TVG que se presentará este ano no OUFF · Ourense Film Festival, que celebra a súa 30ª edición coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada, e co apoio da Xunta de Galicia, Hijos de Rivera, ABANCA, Gadis, AISGE, La Región, APERSA e Radio Televisión Galega. O segundo será a serie O home perfecto, que terá a súa estrea este venres no Teatro Principal.







