3 de Outubro de 2025

Galicia Calidade participa este ano no OUFF cunha proposta que une cultura e gastronomía, reforzando o seu compromiso coa promoción dos produtos e servizos galegos certificados. Nesta entrevista, con Ana Méndez, directora xerente de Galicia Calidade, afondamos no papel do selo no festival, os criterios de selección gastronómica e o impacto que estas colaboracións teñen na proxección das empresas galegas. Unha conversa que pon en valor a excelencia e identidade da nosa terra.

Que significa para Galicia Calidade participar nun evento cultural como o OUFF? Que obxectivos persegue? 

Para nós, o principal obxectivo segue sendo divulgar o valor que representa Galicia Calidade como selo de garantía. Trátase da única certificación multisectorial existente a nivel nacional, un selo que avala tanto produtos como servizos.

Participar no OUFF é importante, primeiro para seguir dando recoñecemento ó selo e os produtos certificados, porque a maioría desta colaboración vai ser con produtos certificados da provincia de Ourense e con chefs que son de Ourense cidade. Ó mesmo tempo, pon en valor o compromiso da Xunta de Galicia e da súa presidencia coa promoción deste selo nun dos festivais culturais máis destacados a nivel nacional.

Como se escolleu a representación gastronómica para a inauguración e clausura do festival?

A representación gastronómica para a inauguración e clausura do festival foi seleccionada con criterios de calidade e identidade local. Optouse por produtos certificados da provincia de Ourense e por chefs da cidade que contan coa acreditación de Galicia Calidade. Esta elección buscaba destacar o prestixio dos profesionais locais, xa que todos os chefs certificados por Galicia Calidade teñen unha traxectoria recoñecida.

Que tipo de produtos certificados poderán degustar os asistentes?

Os asistentes poderán gozar dunha ampla variedade de produtos certificados da provincia de Ourense. Entre eles destacan os viños pertencentes ás distintas Denominacións de Orixe da zona, así como queixos e embutidos elaborados por empresas ourensás. Tamén se ofrecerán preparacións con produtos do mar, como o polbo, e unha selección de doces tradicionais da provincia. En definitiva, a maior parte dos produtos que se servirán serán de orixe local, co obxectivo de poñer en valor a riqueza gastronómica ourensá.

Que impacto ten este tipo de colaboracións na promoción das empresas galegas adheridas ó selo?

Ademais do recoñecemento que esta colaboración co OUFF lle proporciona ós produtos e servizos certificados por Galicia Calidade, esperamos que sirva tamén para dar a coñecer a importancia deste selo de garantía. Non todo o mundo pode formar parte de Galicia Calidade: é necesario cumprir unha serie de requisitos e pregos de condicións específicos, superar unha auditoría anual e, no caso de non facelo, pode perderse a certificación.

Galicia Calidade ten previsto ampliar a súa presenza en eventos culturais ou cinematográficos no futuro?

Sí, de feito xa o estamos a facer. Estivemos durante bastantes anos colaborando por exemplo cos premios Mestre Mateo e este ano consideramos que era fundamental facelo tamén con OUFF polo seu 30º aniversario. A parte deste tipo de festivais cinematográficos tamén o fixemos en outros de índole musical como O Son do Camiño, o Atlantic Fest, Portamérica e noutros festivais máis pequenos. Deste xeito, Galicia Calidade colabora con moitos eventos culturais ó longo do ano.