
O Campus de Ourense da Universidade de Vigo acolleu esta tarde o inicio do ciclo dedicado a Edgar Neville, unha das figuras máis singulares do cinema español, nun acto que contou coa presenza do vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Rodríguez Rajo, quen deu a benvida ao OUFF á universidade e destacou “a honra que supón acoller unhas proxeccións que forman parte do que xa non só é o festival de cine de Ourense, senón de toda Galicia”.
Tamén participaron no acto Marcos Vázquez, director técnico do Ourense Film Festival, e Óscar Doviso, director artístico, encargado de presentar o ciclo e de contextualizar a figura de Neville, autor poliédrico que combinou diplomacia, literatura, teatro e cinema cun estilo propio marcado polo humor elegante e a mirada crítica.
As proxeccións, organizadas en colaboración coa Universidade de Vigo, celebraranse tódolos xoves de maio no Salón de Graos Vicente Risco do Edificio de Ferro, ás 20:00 h, cun percorrido por catro títulos esenciais da filmografía do director. Na sesión inaugural proxectouse La torre de los siete jorobados, un clásico do fantástico español que abriu unha programación que inclúe tamén Nada (14 de maio), El último caballo (21 de maio) e Mi calle (28 de maio).
Para Doviso, este ciclo é unha oportunidade para “volver desfrutar das obras de culto de Neville, coma La torre de los siete jorobados, un filme moi peculiar que amosa como xa hai décadas se facía cine fantástico con enorme personalidade”. O director artístico anima ao público ourensán a participar nun programa que permite descubrir ou redescubrir a un creador “que non deixa indiferente”.
As sesións están abertas ao público ata completar aforo. Con esta actividade, o OUFF inicia o camiño cara á súa 31ª edición, que se celebrará entre o 25 de setembro e o 4 de outubro.







