4 de Xuño de 2026
Presentación de "El universo de Marilyn Monroe"
  • O noso segundo encontro literario o vindeiro martes 9 de xuño na Libraría Eixo, onde se analizará á estrela americana a través desta monografía especial

  • A presentación contará co xornalista Jaime Iglesias Gamboa, un dos autores da obra El universo de Marilyn Monroe

O OUFF · Ourense Film Festival (OUFF) continúa a estreitar os lazos entre o celuloide e a palabra escrita dentro das primeiras actividades da 31ª edición. O vindeiro martes 9 de xuño, ás 19:30 h, a Libraría Eixo acollerá o segundo encontro literario do certame coa presentación do libro El universo de Marilyn Monroe, unha cita que contará coa presenza dun dos seus autores, o xornalista e historiador cinematográfico Jaime Iglesias Gamboa.

A elección desta obra non é casual, xa que este ano 2026 celébrase o centenario do nacemento dunha das iconas máis grandes e fascinantes da historia do cine mundial, o que converte este encontro nunha homenaxe imprescindible para os amantes do Hollywood clásico.

Unha radiografía completa do mito de Hollywood

Editado por Notorious Ediciones, o libro ofrece un repaso exhaustivo e profusamente documentado que debulla as películas, directores e fitos que rodearon a vida e carreira de Marilyn Monroe.

Esta cita supón a segunda parada do ciclo literario do OUFF 31, que arrancou o pasado mes de maio coa presentación da obra artística Contaaluz, de Xosé Poldras, consolidando a aposta do festival por abrir espazos de debate e divulgación cultural arredor dos libros.

Sobre o autor: Jaime Iglesias Gamboa

Nacido en Madrid en 1976, Jaime Iglesias Gamboa é un recoñecido xornalista e historiador cinematográfico. Ao longo da súa traxectoria profesional, colaborou en prestixiosos medios de comunicación como Muy Interesante, QUO, El Mundo ou Cine Premiere México, exercendo como correspondente desta última publicación en España. Na actualidade, escribe de xeito regular nas páxinas do diario Gara, así como na emblemática revista especializada Dirigido por

Iglesias Gamboa posúe unha ampla experiencia na xestión e análise de festivais, sendo coordinador da Muestra de Cine de San Sebastián de los Reyes e membro do equipo de redactores do diario oficial do Festival de San Sebastián.

A entrada ao evento na Libraría Eixo será libre ata completar o aforo. Con esta nova cita, o OUFF segue a quentar motores de cara á súa semana grande, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro.