8 de Outubro de 2026
La invitación
  • É unha proxección exclusiva para os usuarios que viron polo menos dez películas durante o festival e completaron o Bono 10+.

  • Dirixido por Olivia Wilde e con Penélope Cruz no reparto, aspira a converterse nun dos títulos máis comentados da tempada de premios estadounidense.

Os espectadores que viron polo menos 10 películas nos cinemas Galicine durante o OUFF · Ourense Film Festival e completaron, polo tanto, os dez selos do seu Bono 10+, recibiron este xoves a súa recompensa. The invite (La invitación), película dirixida por Olivia Wilde que non se estreará nos cinemas ata o 16 de outubro, foi proxectada só para eles e para parte do equipo que fixo posible o festival, nun pase sorpresa no Teatro Principal de Ourense.

Antes da proxección, o programador do OUFF, Alberto González Araújo, agradeceu a implicación do público, que se volcou co festival ao asistir a un mínimo de dez películas en pouco máis dunha semana. Pola súa banda, Óscar Doviso, director artístico do OUFF, destacou o traballo de todo o equipo que fixo posible a 31ª edición.

Ata que o título non apareceu na pantalla do Teatro Principal, ningunha das persoas sentadas nas butacas sabía que película ían ver. Repetiuse así un dos momentos máis especiais para os espectadores fieis ao certame, despois de que o ano pasado os usuarios do bono puidesen ver o aclamado filme La voz de Hind antes da súa chegada ás salas. Pero La invitación non foi a única sorpresa da noite, xa que tamén se sortearon un total de 15 claquetas LEGO entre os asistentes que completaron o Bono 10+.

Agora é a quenda de La invitación, unha comedia dramática dirixida por Olivia Wilde, que adapta a española Sentimental, recibiu boas críticas nos festivais de San Sebastián e Sundance, entre outros, e que, segundo os especialistas, aspira a conseguir varias nomeacións nos vindeiros premios Oscar. No seu reparto figuran a propia Wilde, Seth Rogen, Edward Norton e Penélope Cruz, que dan vida a dúas parellas de veciños nunha velada con xiros inesperados. A actriz española interpreta un papel cómico e provocador que está a gustar tanto á crítica como ao público.

O filme ten prevista a súa estrea nos cinemas o próximo 16 de outubro, polo que os espectadores que asistiron ao Teat30ro Principal este xoves puideron velo antes ca ninguén, polo menos en Galicia.

10 películas e unha máis que é sorpresa

O Bono 10+ é unha das novidades que introduciu a nova dirección do OUFF · Ourense Film Festival en 2025 e que este ano se consolidou entre o público do festival. O bono consiste nunha tarxeta que se vai selando a medida que o usuario acode a ver unha película do festival (da Sección Oficial Internacional, Sección Oficial Panorama Galicia, Inédito e Colleita). Cando se conseguen dez selos, convértese automaticamente nunha entrada para a proxección sorpresa do 8 de outubro.

Como novidade nesta edición, ademais da tarxeta física, era posible descargar o Bono 10+ en formato dixital para levalo no teléfono móbil.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrouse do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizada pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.