19 de Setembro de 2025
Inauguración exposición Making Movies
  • A mostra, no centro Cultural Marcos Valcárcel, expón pezas orixinais de Star Wars, Indiana Jones e Alien

  • O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, convidou aos centros educativos a visitala para coñecer o proceso creativo detrás das grandes superproducións

A música da pianista María Mendoza converteu nunha festa para fans do cine á inauguración da exposición Making Movies: un viaje detrás de las cámaras, que desde este xoves pode visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A mostra, unha das actividades paralelas máis destacadas do 30º OUFF · Ourense Film Festival, expón máis de 100 lotes de materiais e pezas orixinais empregadas en filmes tan icónicos coma as triloxías de Star Wars e Indiana Jones e a película Alien, el octavo pasajero.

Á inauguración contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen destacou o carácter «transversal, social e innovador» do OUFF, posto que o festival, dixo, «non son só películas, tamén actividades paralelas que contribúen a dinamizar a cultura», como o caso desta exposición. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Deputación co futuro do festival e coa cultura, apoiando iniciativas coma esta mostra.

Ademais, Menor convidou aos centros educativos a desfrutar da mostra, posto que se trata dunha actividade «didáctica e amena» para o alumnado.

Un festival internacional e para as familias ourensás

Pola súa banda, o director artístico do OUFF, Óscar Doviso, sinalou que «o obxectivo principal é amosar aos fans do cine todo o traballo que hai detrás das cámaras das grandes superproducións. Somos un festival de cine dinamizador e cunha función social, e quixemos traer esta fantástica exposición para as familias, para todos eses nenos que non teñen a oportunidade de ver este tipo de mostras se non é nunha cidade grande. É un festival de cine internacional pero queremos que sintan que o festival é seu e para eles».

Making Movies trae a Ourense dende debuxos conceptuais, atrezzo e guións ata vestiario, claquetas ou armas que formaron parte destas películas recoñecidas por todos. Deste xeito, danse a coñecer as diferentes disciplinas que forman parte do proceso creativo da sétima arte.

A mostra poderá visitarse ata o 2 de novembro, no horario habitual do Centro Cultural Marcos Valcárcel e con entrada de balde. Ademais, haberá visitas guiadas da man de Júpiter Juegos.

O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. No programa de actividades paralelas, tamén descatan o concerto OUFF Film Symphony, o domingo 28 no Auditorio, e os roteiros que percorren localizacións na provincia de películas e series de televisión.

▶️ Galería de fotos do evento.