17 de Setembro de 2025
Traballos Made in OU
  • Made in OU é unha nova sección que nace para que o cine de Ourense teña un escaparate propio dentro da programación do OUFF

  • A maioría dos traballos poderán verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e haberá un pase especial no Cineclube Padre Feijoo

A nova sección Made in OU traerá ao OUFF · Ourense Film Festival ata nove traballos de creadores ourensáns ou feitos na provincia. Entre as obras seleccionadas hai documentais, curtametraxes de ficción e pezas de animación, varias delas con estrea no festival. Os traballos poderán verse en tres pases no Centro Cultural Marcos Valcárcel e nunha sesión especial no Cineclube Padre Feijoo.

Made in OU é unha das moitas novidades da 30ª edición do OUFF, e nace para que os creadores ourensáns teñan un escaparate dentro da programación do festival e poidan amosar públicamente o seu proxecto amateur ou profesional, que non acadara estar nas seccións oficiais ou sexa un formato non seleccionable. O Entroido da provincia será protagonista de varios dos traballos seleccionados, pero tamén falarán das raíces e da memoria colectiva, entre outros temas.

As obras seleccionadas para Made in OU son:

  • El olvido, de Lucía Álvarez (ficción, 28 minutos).
  • Nuno, de Antía Iglesias (animación, 3 minutos). Estrea no OUFF.
  • O segredo do fulión, de Pepelu Viñas e Aimar Vega (documental, 14 minutos).
  • A Penagache, de Marcos Seijo (documental, 15 minutos).
  • O Entroido en Camba, de Laura Prieto Álvarez (documental, 4 minutos).
  • Quen nos salva?, de Alberto Estévez Sánchez (documental, 28 minutos). Estrea no OUFF.
  • Paula, con P de Reme, de Isabel Salgado (ficción, 23 minutos).
  • Udra, de Charles Alexander (ficción, 20 minutos).
  • A Luz das Ánimas, de Sergio Santos Otero (documental, 45 minutos).

O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Para esta edición especial, a dos 30 anos, haberá novas seccións como Made in OU, pero tamén Xeración OUFF, Agarimo ou Colleita.